Este venres comeza a veda da centola, que
rematará o 4 de novembro nas provincias de Pontevedra e A Coruña e o 2 de
decembro na de Lugo. Isto indica que, a partir desta data, este produto deixa
de poxarse nas lonxas galegas, e tampouco poderemos atopalo nos establecementos
de venda aos consumidores, salvo que sexa conxelada ou foránea.
Dende comezos de ano ata finais de maio en Galicia
extraéronse unhas 75 toneladas desta especie, o que supuxo un valor económico
de máis de 935.000 euros, sendo O Grove e A Coruña -con preto de 12 toneladas
cada un- as lonxas que máis descargas rexistraron desta especie. O prezo medio
que acadou foi de 12,80 euros.