Feijóo anuncia a presentación da Axencia Galega de Turismo para “as vindeiras semanas”


O presidente da Xunta sinalou que “nas próximas semanas” será presentado un dos compromisos asumidos polo seu Goberno nesta lexislatura: a Axencia Galega de Turismo. Feijóo fixo este anuncio na inauguración do foro ‘O futuro do Turismo en Galicia’, organizado por El Correo Gallego, ao tempo que incidiu en que este novo órgano aglutinará “todos os organismos que entenden de turismo nun único, pervivindo e persistindo, por suposto, o Xacobeo”.

Alberto Núñez Feijóo sinalou que a aposta “decidida” por unha oferta turística “coordinada e diversa” permite unha maior resistencia do sector fronte á crise. Precisamente, referiuse a que “un dos principais éxitos turísticos de Galicia, o Xacobeo, xurdiu en plena deflación económica e en medio dunha gran incerteza”, polo que avogou por “non interromper ese gran exemplo pese aos pésimos tempos, dende o punto de vista económico, que nos toca vivir”.

O presidente garantiu o “compromiso” de seguir traballando co sector “para saber temperar as esixencias actuais” e destacou que as nosas posibilidades turísticas teñen a súa maior fortaleza no feito de que somos “unha unidade diversa”.