O Ribeiro entregará o 21 de xuño os seus Premios


O Consello Regulador da D.O. Ribeiro entregará o vindeiro 21 de xuño os Premios Ribeiro 2012. Distinguiranse, así, aos viños mellor valorados da colleita 2011, na modalidade de brancos, e do 2010 e 2011, en tintos. Ademais, farase un recoñecemento a profesionais destacados do mundo da comunicación e da hostalería, “pola súa contribución á mellora do noso sector”, informa o Consello.

Así, estes días iníciase a toma de mostras dos viños participantes na Cata Oficial, a cargo do persoal técnico do Consello. Todas as mostras serán avaliadas nunha precata por un panel profesional, da que resultarán os finalistas. Entre eles, disputaranse un único premio por categoría (Mellor Branco de Adega, Mellor Branco de Colleiteiro e Mellor Tinto).

No tocante ás novas modalidades de premios (Mellor Tarefa de Comunicación sobre o viño, Mellor Servizo do Viño no restaurante, Mellor Tenda Especializada-Viñoteca, Mellor Taberna-Bar de Viños e Persoeiro de Honra) serán as adegas do Ribeiro as encargadas da elección. Tras unha primeira fase de nomeamentos, xa concluída, catro finalistas propostos polas adegas compiten en cada unha das categorías. A entrega de premios celebrarase no Mosteiro de San Clodio.