Un licor café de Goián (Pontevedra)
proclamouse este luns vencedor da Cata HG&T-Agasu celebrada no restaurante
Bitadorna de Vigo. Un comité de cata composto por membros da revista Hostelería
Galega & Turismo, socios de Agasu –comandados polo seu presidente, David
Barco-, así como diferentes expertos do sector alimentario situaron no máis
alto do podio a Pazo Valdomiño, seguido coa “prata” por Quenza de Ponte da Boga
(Chantada) e co “bronce” por Quinta do Couselo (O Rosal).
Con significativas puntuacións situáronse,
ademais, Atio de Pazo de Señoráns (Meis) que foi cuarto; Lauro de Nobleza de
Campante (O Ribeiro) que foi quinto; Felipe Saavedra de Nor-Ibérica (Ourense)
que ocupou a sexta praza; Abadía da Cova (Ribeira Sacra) que foi sétimo; Viña
Blanca (Cambados) que foi oitavo e Habelas Hailas (Noia) que ocupou o noveno
posto.
A xornada completouse cunha maridaxe entre
estes licores e unha das sobremesas con maior presenza nas cartas dos
restaurantes galegos: a Tarta de Santiago. Desta combinación resultou que a
mellor maridaxe de Tartas Ancano é con Atio de Pazo de Señoráns; as Tartas
Lestedo maridan con Quenza e Quinta de Couselo (ex aequo); as Tartas La Abuela,
con Pazo Valdomiño e as tortas de Coroa de Andrade, con Lauro de Nobleza.