Primeira xuntanza do proxecto Aquaturnat, que porá en marcha un Museo Virtual da Auga


Este martes celebrouse no Balneario de Mondariz a primeira reunión do Comité de Expertos do proxecto Aquaturnat, integrado pola Fundación Mondariz Balneario, Augas de Galicia, a Cámara de Viana do Castelo e mais a Cámara de Paredes de Coura. A secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo, forma parte dese Comité científico. Outros membros son Ramón Núñez Centella, director do museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía; Patricia Barciela, directora da Domus-Casa del Hombre da Coruña; Jorge Duarte Vázquez, presidente-decano do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia; Juan Ramón Vidal Romaní; catedrático de Xeoloxía da USC e director do Instituto Universitario de Xeoloxía Isidro Parga Pondal; John Walton, director de Journal of Tourism Historiy do Grupo editorial Taylor & Francis e catedrático de Historia pola Universidade de Oxford; Luís Rodríguez Míguez, membro da Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia; Francisco Arecheaga, presidente da Cámara Mineira de Galicia; Miguel Delibes de Castro, do CSIC; e mais Felipe Criado Boado; director do Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC.

No marco deste proxecto levaranse a cabo diversas accións como a creación do Museo Virtual da Auga, así como a proxección e difusión internacional do proxecto en particular e do termalismo galego en xeral a través da prestixiosa editorial británica Taylor & Francis Group, tanto para o desenvolvemento turístico do territorio como para o desenvolvemento sostible do mesmo e a súa proxección e mellora continua para o sector.

Carmen Pardo sinalou que “cómpre que exista unha conciliación entre o que significa aproveitar turísticamente un territorio e a preservación do ambiente”. “O desenvolvemento sostible dun territorio turístico –engadiu- non implica que a empresa turística vexa reducidos os seus beneficios, senón que desencadea factores positivos que crean sinerxias en canto ao incremento de negocio e proxección de novos mercados”. Pardo comentou tamén na súa intervención que Turismo de Galicia traballa neste momento nos Produtos Cabeceira da Marca Galicia, entre os que se encontra Mananciais de Galicia, que pon en valor a oferta de turismo de saúde e benestar da nosa comunidade.