Hostelería Compostela, en colaboración coa
Deputación da Coruña e as principais asociacións de hospedaxe e restauración de
A Coruña e Ferrol, coordina –co apoio da Asociación de Cámaras de Comercio dos
Camiños Xacobeos- unha peregrinación promocional do Camiño Inglés, a ruta menos
transitada de todas cantas levan a Santiago. Esta camiñata, que se desenvolverá
do 2 ao 6 de xullo, pretende divulgar este Camiño pero tamén diversificar a
oferta turística relacionada coas rutas xacobeas porque, din os seus
responsables, o Camiño Inglés é “gastronomía, patrimonio, natureza e cultura”.
A peregrinación, presentada este xoves, conta coa colaboración das principais asociacións de hostalería de A Coruña e Ferrol |
A comitiva partirá o luns do Porto das
Curuxeiras de Ferrol, coa participación do presidente da Deputación coruñesa,
Diego Calvo; o presidente da Asociación de Hostelería de Ferrol, Julio
Martínez; e alcaldes e outras autoridades dos concellos de Ferrolterra. A
partir de entón iniciarase a peregrinación ata Compostela, onde o grupo chegará
o venres 6 coa incorporación de alcaldes e concelleiros dos 22 municipios polos
que discorre o Camiño Inglés. Unha vez alí, participarán na tradicional Misa do
Peregrino, con ofrenda de Víctor Vázquez Portomeñe.
A peregrinación terá unha gran repercusión
mediática pois, como aseguran os seus impulsores, será obxecto de numerosas
reportaxes e crónicas en medios escritos e audiovisuais de todo o país.