A secretaria xeral para o Turismo, Carmen
Pardo, e mais o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán,
visitaron as obras dunha das futuras Pousadas do Salnés, que se espera entren
en funcionamento en breve. En total, construiranse catro establecementos
caracterizados pola súa accesibilidade en Meaño, Armenteira, Ribadumia e A
Lanzada.
Nestes momentos estanse iniciando os
traballos de internacionalización e comercialización do produto turístico, dado
que se prevé que os traballos de construción dos inmobles finalicen este mesmo
ano.
Durante a visita, a secretaria xeral para o
Turismo explicou que a consecución dunha maior accesibilidade turística en
Galicia constitúe un dos principais retos da Administración, xunto coa
diferenciación, a desestacionalización turística, o incremento do gasto medio e
a estadía media ou o aumento da cota de turismo internacional. Segundo explicou
Carmen Pardo, “en España existen catro millóns de persoas con diversidade
funcional e en Europa a cifra supera os cincuenta millóns”, de xeito que
implementar medidas que incentiven a accesibilidade constitúe, sobre todo, un
“acto de xustiza cidadá”, sentenciou.