Coñecer a ría de Arousa dende un galeón


Os interesados en saír a navegar abordo do galeón "Illa de Cortegada", recuperado pola Asociación Rompetimóns do Carril co patrocinio do Concello de Vilagarcía, poderán facelo a partir deste sábado, e de xeito gratuíto. Grazas a un convenio entre a citada asociación e a Concellería de Medio Ambiente, ao longo do verán haberá 18 saídas, en quendas de 11 da mañá e 5 da tarde. En cada viaxe poden subir ata 9 persoas, polo que en total serán 162 os cidadáns que poderán coñecer de preto o "Illa de Cortegada" e descubrir a ría de Arousa dende outro punto de vista.

A solicitude está xa a disposición dos interesados na web municipal, no taboleiro de anuncios. Só se admiten dúas persoas por petición, na que constará o nome, apelidos e DNI do inscrito. Aínda que o formulario pode baixarse de internet, é estrictamente necesario que se entregue fisicamente no Concello. En función das mareas, o percorrido pode variar, pero en principio inclúe o contorno de Cortegada, a foz do Ulla, a enseada de Ponte Beluso, en Boiro, e por suposto Carril.