A Deputación de Lugo impulsa unha investigación pioneira da USC no cultivo de viñedos en pendente na Ribeira Sacra

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, acompañado por Julián García, un dos investigadores que está a traballar neste proxecto, supervisou este martes as actuacións, levadas a cabo por expertos da Universidade de Santiago de Compostela e financiadas polo organismo provincial, nuns viñedos situados no Monte do Cristo (Portomarín) e que son pioneiras en Galicia. Trátase dunha investigación encamiñada ó aforro de enerxía, ó minimizar a necesidade das actuacións do viticultor en tarefas como a limpeza do terreo ou o aporte de nutrintes á viña.

Unha das conclusións ás que están chegando ós investigadores é que, ó contrario das prácticas habituais de manter limpas de herba estas plantacións, o mantemento dunha capa  de vexetación entre cepas (chamado “acolchado”) evita a aparición doutros vexetais máis prexudiciais para o cultivo, ó tempo que evita a excesiva erosión do terreo. Segundo os datos manexados polos investigadores, fronte á perda dunha media de 50 toneladas de terra por hectárea e ano, estas logran reducirse con este “acolchado” a unha perda de terra de tan só 80-90 quilogramos por hectárea e ano. Polo tanto, redúcese esta perda de sustrato un 99%.

Por outra banda, o rego selectivo da planta en lugar das técnicas de rego habitual, tendo en conta diversos factores, como a climatoloxía, obriga á cepa a competir polos nutrintes coa herba que crece ó seu arredor, aumentando a calidade e forza da viña, revertindo nun aumento da cantidade e calidade do seu froito.

Os técnicos que están a traballar nesta plantación, cunha superficie de 2,7 hectáreas en alta densidade (isto é, cunha media de 6.000 plantas por hectárea), ademais da redución de custos enerxéticos, tamén estudian outros factores que inflúen na calidade e cantidade da produción e, polo tanto, na rendibilidade das viñas, como son as enfermidades víricas deste cultivo e como estas afectan ó viñedo galego e o da Ribera Sacra en particular.