O consello de Administración da S.A. de
Xestión do Plan Xacobeo aprobou o nomeamento de José Paz Gestoso como xerente
da sociedade. Substitúe no cargo a Andrés González Murga que, á súa vez,
relevou a Camino Triguero tralo seu cese. José Paz Gestoso é licenciado en
Ciencias Económicas pola Universidade de Santiago de Compostela e ten unha
ampla experiencia no sector pois dirixiu o Centro Superior de Hostalería de
Galicia e o Instituto de Estudos Turísticos.
Ten por diante a tarefa de xestionar un Xacobeo
que, dentro da nova política orzamentaria da Xunta, quedará cinguido ao ámbito
do Camiño de Santiago, deixando á parte todo o relativo á organización de
eventos e patrocinios, segundo recolle La Voz de Galicia. O rotativo sinala que
o anteproxecto do decreto de reestruturación do sector recolle que a futura
Axencia de Turismo de Galicia –que estará presidida por Alfonso Rueda e dirixida
por Carmen Pardo- asumirá a tutela funcional do Xacobeo, cuxo obxecto social se
circunscribirá “ao mantemento e conservación do Camiño, a rede de albergues e a
divulgación do fito e da cultura da peregrinación a Compostela”.