Turismo de Santiago participa na City Fair
de Londres, un evento para empresas do sector turístico europeo organizado pola
Asociación Europea de Turoperadores. Aínda que o evento conta cunha importante
presenza de participantes do sector británico, hai tamén empresas de máis de 25
países europeos.
A organización da feira establece un
calendario fixo que inclúe 32 reunións de traballo diarias, de 12 minutos de
duración. Nelas, os participantes poden coñecerse, saber cales son os seus
obxectivos e saber se pode ser interesante manter a relación posteriormente
para chegar a algún tipo de acordo. Turismo de Santiago reunirase
principalmente con turoperadores e medios de comunicación británicos, xa que o
obxectivo da presenza na feira é promocionar tanto a cidade como a conexión
aérea con Londres, operada por Ryanair.