Cara unha base de datos sobre a iconografía xacobea


O presidente da Xunta de Galicia recibiu ao Comité internacional de expertos do Camiño de Santiago con motivo do XX aniversario da institución. Ditos expertos, expuxeron os traballos realizados e os proxectos en marcha. Entre eles destaca a creación dunha Base de Datos de Iconografía Xacobea denominada IAGO. Trátase dun novo proxecto que permitirá á S.A. de Xestión do Plan Xacobeo dispoñer dun corpus completo de iconografía xacobea consultable na rede e xerar o primeiro Thesaurus de iconografía xacobea; é dicir, reunir todas as imaxes de Santiago e toda a terminoloxía relacionada coa vida e lenda de Santiago e coas tradicións compostelás.
IAGO será unha ferramenta de grande utilidade para os investigadores e especialistas, pero tamén difundirá o patrimonio histórico, artístico e documental compostelán e europeo, contribuíndo á promoción do mundo xacobeo, a cidade e aos Camiños de Santiago.
O presidente do Comité, Paolo Caucci von Saucken, informou tamén doutros proxectos nos que traballa o grupo, como a organización dun seminario sobre o Códice Calixtino, a edición do terceiro número dea revista de investigación Ad Limina -cuxa publicación será en outono-, e outros proxectos relacionados coa conmemoración dos 800 anos da peregrinación de San Francisco a Santiago.