Expertos europeos en Turismo asistirán a un congreso en Compostela


Santiago de Compostela acollerá, a partir do 20 de setembro, o congreso de clausura do proxecto ‘I-Speed. Information Society Policies for Sustainable European Economic Development’, unha iniciativa cofinanciada pola Unión Europea a través do Programa Interreg IV-C na que participa Galicia xunto con outros nove socios de nove países europeos. Ao longo desa xornada, no Hostal dos Reis Católicos, preto de cincuenta representantes políticos e membros dos órganos de promoción turística de Venecia; o condado de Hedmark, en Noruega; Varsovia; Creta; o condado de Powys, no Reino Unido; Bucarest; a provincia de Roma, a Asociación Nacional de Municipalidades da República de Bulgaria; a comunidade urbana de Nantes, e tamén Galicia, reuniranse para analizar as mellores prácticas europeas na aplicación de novas tecnoloxías no sector turístico, co obxectivo de favorecer a súa transferencia e a implantación en novos destinos.

Entre esas prácticas, a Secretaría Xeral para o Turismo presentou a Central de Reservas Online de Turismo Rural de Galicia, unha ferramenta informática para a xestión das reservas dos establecementos rurais de Galicia. Segundo indica a Xunta, o condado de Hedmark estaría estudando a posibilidade de implantar este sistema no seu territorio.