Carmen Pardo reuniuse cos alcaldes dos municipios que compoñen Terras de Pontevedra |
No convenio inclúense actuacións como as
destinadas á creación de produto, á comercialización do mesmo e tamén de tipo
comunicacional e formativo. As accións pasarán pola ampliación dos produtos
turísticos que se poden experimentar en Terras de Pontevedra; a creación de
novos paquetes online; o desenvolvemento de accións de comunicación
relacionadas coas conexións aeroportuarias; así como obradoiros de Redes
Sociais, de Revenue Management e de Comercialización. O convenio coa
Mancomunidade Terras de Pontevedra ten tamén por obxectivos a utilización de
novas tecnoloxías ao servizo do turismo e para a formación dos actores
turísticos na mellora continua da calidade do servizo; a sensibilización dos
visitantes e dos veciños da zona sobre a importancia de preservar e poñer en
valor un patrimonio que, ademais de ter unha clara proxección turística é
importante dende o punto de vista natural e cultural.
Carmen Pardo resaltou, entre outros
recursos, o potencial gastronómico das Terras de Pontevedra que pasa por contar
no territorio con dous dos dez restaurantes con Estrela Michelín de Galicia.
Ademais de contar con citas gastronómicas de renome e recoñecemento como a
Festa da Troita de Ponte Caldelas, así como con festividades coa declaración de
Interese Turístico de Galicia como a Festa de San Miguel e a Danza das Espadas
en Marín; a Feira Franca e a de San Benitiño de Lérez en Pontevedra; ou o
Entroido de Cobres en Vilaboa.