A Fonsagrada acolle esta fin de semana o Concurso-Exposición de Gando Vacún

O recinto do Mercado Gandeiro da Fonsagrada acolle este sábado o tradicional certame de gando vacún, no que se agarda a participación de preto de 200 reses de rubia galega e asturiana, todas elas procedentes de explotacións locais. Como é habitual, as casas comerciais do municipio e organismos oficiais colaboran co concurso donando diferentes trofeos para os vencedores nas diferentes categorías e que se suman aos 3.500 euros que o propios Concello destina aos premios en metálico. Entre os galardóns ao mellor exemplar de vaca, de touro, de lote de xatos, etc. destaca o especial que se entrega ao primeiro e segundo clasificados na categoría do mellor lote, que deberá estar composto por un mínimo de 7 vacas e un touro.

Ao igual que outros anos, Acruga tamén aporta á exhibición un lote de espectaculares animais, composto por un semental e seis xovencas.