Cuarta edición da Feira das Tapas de Vilagarcía


O parque Miguel Hernández de Vilagarcía acolle, a partir de mañá, unha nova edición da Feira das Tapas, organizada pola asociación de hostaleiros (Ahituvi) e o Concello. Nesta ocasión, a feira contará coa participación de 14 establecementos que ofrecerán dúas tapas a un prezo fixo de dous euros cada unha.

A de Vilagarcía é a única feira que se celebra en Galicia con este formato xa que o habitual é que se realice unha ruta a través dos locais participantes. Neste caso todos eles se reúnen na avenida central do parque Miguel Hernández coa súa respectiva caseta.

Hai propostas de tapas tradicionais e creativas, como é o caso das Zamburiñas en airbag de porco con cremoso de reducción de albariño, o Arroz negro meloso con chipiróns e alioli de remolacha, a Hamburguesa de boi con salsa barbacoa de Jack Daniel’s ou a Tosta de codillo ao Oporto con cebola confitada e crema de pementos de Padrón. No 2011 batiuse o récord absoluto con más de 17.000 tapas vendidas nos tres días nos que ten lugar a feira.