Hostelería Compostela, comprometida coa inserción laboral

A terceira parte dos alumnos destes
cursos atoparon traballo no sector.
Foto: Hostelería Compostela
A asociación Hostelería Compostela emprende dúas novas accións formativas dirixidas a persoas desempregadas, coas que se abre o novo curso no Centro de Formación e Cultura Gastronómica de Santiago. Por un lado, celébrase un Curso de Operacións Básicas de Cociña, de 378 horas. Os alumnos aprenderán a preelaborar alimentos, preparar e presentar elaboracións culinarias sinxelas e asistir na preparación de elaboracións máis complexas, entre outras destrezas.

O outro curso é de Servizos de Restaurante, de 608 horas de duración. Prolongarase, pois, ata mediados de decembro. Os alumnos aprenderán a desenvolver e montar todo tipo de servizos de alimentos e bebidas no restaurante, con nocións de facturación, servizo de viños, elaboración de pratos á vista do cliente ou inglés.

Cambios. Por outra banda, a Asociación informa de que José Antonio Liñares vén de asumir a Vicepresidencia de Hospedaxe en substitución de Javier Goyanes, que pasa a ocupar a vogalía que antes ostentaba o novo vicepresidente. José Antonio Liñares, propietario dos hoteis singulares de Santiago, Costa Vella, Altaïr e Moure, ocupou durante os últimos catros anos a Presidencia de Hostelería Compostela, e pasa a asumir agora maiores responsabilidades e competencias dentro do equipo de traballo de José Manuel Otero, actual presidente de Hospedaxe de Hostelería Compostela e propietario do grupo empresarial Pousadas de Compostela.