O concello lucense de O Incio acolle esta
fin de semana a Feira da Artesanía e Etnografía, que vén celebrándose dende o
ano 2009 e que este ano homenaxea a tradición canteira da provincia. Por vez
primeira, a feira coincidirá nas datas de celebración co xantar degustación de
porco celta organizado pola cooperativa de criadores desta raza.
Este tipo de eventos organizados co gallo
de impulsar os produtos autóctonos e os oficios tradicionais “contribúen á
difusión da calidade e variedade da gastronomía e artesanía da provincia e
abren novas vías de comercialización para actividades como a canteiría ou a
cría de razas autóctonas coma o porco celta, que recollendo o mellor da
tradición supoñen un importante potencial de crecemento económico para o futuro”,
sinalan dende a Deputación Provincial de Lugo, impulsora do evento.
A cría do porco celta é quen de xerar un
destacado volume de negocio. Así, a cría desta raza autóctona xerou na Comunidade
durante o pasado ano unha cifra de negocio próxima ós 2 millóns de euros coa
venda duns 5.000 exemplares para particulares, recría e produtos transformados.
O concello de O Incio destaca na cría desta raza, situándose á cabeza da
provincia de Lugo en número de explotacións, cun total de 7.