Santiago acolle o martes o VII Campionato Barista, organizado por Forum Café


O vindeiro martes celébrase en Santiago de Compostela, concretamente no centro comercial Área Central, o VII Campionato de Baristas de Galicia, do que sairá o representante da nosa comunidade na proba nacional. O luns pola tarde e o martes pola mañá realizaranse unha serie de prácticas nos postos nos que se desenvolverá a competición, que comezará o martes ás 15.30 horas. Durante toda a tarde, os aspirantes demostrarán a súa destreza na elaboración de combinados a base de café. O xurado emitirá o seu veredito arredor das 20.30 horas.

O gañador acudirá ao próximo salón Hostelco (Barcelona, 17-21 de outubro) para participar na Final Nacional. Nesa proba, que terá lugar o día 18, elixirase o mellor barista de España. E o día seguinte será o turno da Final Internacional, na que participarán aspirantes de España, Portugal e Andorra.