A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, entregou en Santiago os premios do concurso de bocatas enmarcado na campaña Ponlle as pilas ao teu bocata. Todos os bocatas presentados ao concurso tiñan como ingrediente obrigatorio as conservas de peixe e marisco. O bocata gañador na categoría de máis saboroso foi o “tortún” cunha base de tortilla e sobre ela o atún como ingrediente estrela, de Joel Losada Montero do CEIP de Monforte de Lemos. Na categoría de máis imaxinativo o premio foi para o “bocadrilo” de David Pérez Plaza do Colexio Eusebio da Guarda, cun enxeñoso crocodilo no que o millo e o pemento son os ollos e as sardiñas aportan o sabor mariñeiro. E finalmente, na categoría de bocata máis san, o galardoado foi “conexión” feito por Nicolás Lameiro Gómez do colexio CEIP Julio Gurriarán, este bocata de atún aporta con alimentos como a cenoria e a espinaca o toque vexetal e saudable.
Máis de 9.200 nenos galegos de entre 8 e 11 anos participaron a campaña Ponlle as pilas ao teu bocata no que levamos de ano. A campaña desenvolveuse en 36 colexios públicos de toda Galicia. A maiores no verán a iniciativa trasladouse a 36 concellos da nosa comunidade para ofrecela como unha actividade extraordinaria nos campamentos de verán. Así mesmo tamén estivo presente en 7 feiras e eventos deportivos, como foi o caso do Campus de Nadal de Basquet Coruña.