O centro de Formación e Cultura da Asociación Hostelería Compostela, na Rúa Salvadas 29, acolle mañá ás 11 da mañá a presentación da nova imaxe do concurso Santiago(é)Tapas e dous obradoiros culinarios de cociña en miniatura (tapas, pinchos e mini repostería) que se celebrarán na segunda quincena de outubro, abertos á participación de todos os interesados, para ir quecendo os fogóns de cara á celebración do Santiago é Tapas.
Rafa García Triñanes, xefe de cociña do Centro de Formación e Cultura Gastronómica e docente destes obradoiros, realizará unha demostración ao vivo coa elaboración dalgunhas mostras de cociña en miniatura doces e salgadas. Ao seu carón estarán algúns dos participantes na última edición do Santiago é Tapas, que foron convidados a participar na presentación da nova imaxe desta edición do concurso.
Santiago é Tapas chega neste ano á súa quinta edición, na que a Asociación de Empresarios de Hostelería de Santiago de Compostela e Comarca, que sempre foi promotora deste evento gastronómico, asume a súa organización. Os establecementos interesados en participar no concurso de tapas pódense apuntar ata o domingo 30 de setembro. Os interesados en participar nos obradoiros culinarios de cociña en miniatura poden anotarse ata o luns, día 15 de outubro (prazas limitadas).