A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, participou enxalzou o valor dos produtos da horta galega e a importancia do cooperativismo e a unión de esforzos para afrontar retos que permitan a Galicia “conseguir o lugar que lle corresponde dentro da produción hortícola de calidade”.
Neste sentido, a titular de Medio Rural e Mar destacou a importancia da implantación dunha marca de garantía para a horta galega para reforzar a súa imaxe de calidade ligada á produción natural. Ademais, incidiu na importancia de traballar conxuntamente entre administración e produtores para facer que o traballo da horta sexa fonte de creación de emprego e de asentamento de poboación no medio rural. A conselleira tamén salientou o valor da promoción das accións ecolóxicas e de produción integrada para potenciar as explotacións agrarias tradicionais e as cooperativas de produción, transformación, envasado e comercialización.
En Galicia hai 850 explotacións profesionais de horta baixo cuberta, con preto de 150 hectáreas de superficie de invernadoiros e existen arredor de 1.100 ha de superficie ao aire libre dedicadas ao cultivo comercial, ás que compre engadir 600 máis de cultivo de faba e grelo. En xeral, os principais cultivos hortícolas en Galicia son a leituga, cunha produción anual aproximada de 3 millóns de exemplares/ano; o tomate, cunha produción duns 700.000 Kg/ano; o feixón verde, cuns 500.000 Kg/ano e os pementos, cuns 240.000 Kg/ano.