
Nesta nova imaxe faise un aceno á orixe etimolóxica da palabra tapa que ven do antigo costume de tapar os vasos de viño cunha rebanda de pan. Asumindo a organización do Santiago(é)Tapas e cos obradoiros de cociña en miniatura, Hostelería Compostela quere consolidar a cultura do tapeo en Compostela e desenvolvela dun xeito profesional e innovador.
O tapasporte mantense como un dos sinais de identidade deste concurso no que os participantes van selando nos diferentes locais e probando as tapas. As diferentes rutas e itinerarios van permitir aos clientes coñecer a oferta e o servizo dos establecementos hostaleiros que se anoten neste evento, a través dunha peregrinación sensorial polo mellor da cociña en miniatura de Galicia, sendo un elemento promocional moi interesante para os profesionais.
Hostelería Compostela quenta os fogóns de cara ao Santiago(é)Tapas 2012, animando aos profesionais a participar no concurso, cuxo prazo de inscrición remata o vindeiro 30 de setembro, e ao público xeral a anotárense nos obradoiros de cociña en miniatura que se van desenvolver durante a segunda quincena de outubro, nas instalacións do Centro de Formación e Cultura Gastronómica de Hostelería Compostela.