O
concurso Santiago(é)Tapas 2012 marcha a bo ritmo, como se pode observar no
aspecto nos 72 establecementos participantes que ofrecen as súas creacións a un
prezo de 2 euros. A
quinta edición do certame comezou o pasado venres e, dende entón,
consumíronse máis de 5.500 petiscos.
Hoxe
é véspera de festivo, que algúns visitantes aproveitarán para realizar unha
escapada a Compostela, co que se prevén novas xornadas cunha gran afluencia de
amantes da gastronomía en miniatura. Precisamente,
e pensando nos que veñen, 33 establecementos
de hospedaxe da cidade de 5, 4, 3, 2 e 1
estrelas ofertan dende mañá e ata o 11 de novembro un paquete
especial.
Este incentivo
ofrece dous días de estancia en habitación dobre, almorzo, visita guiada á zona
monumental, viaxe en tren turístico, un paraugas promocional, entrada á
exposición “Gallaecia Petrea” na Cidade da Cultura e vales para a degustación de
tapas no concurso, todo a prezos estandarizados.
E, xa pola noite,
chega a oportunidade de probar o Santiago(é)Noite. 17 locais da hostalería
nocturna compostelá toman parte desta actividade, mantendo os seus horarios
habituais. Os cócteles de Santiago(é)Noite teñen un prezo de 3,50 euros
para quen presente o seu tapasporte.
No
kiosko da Praza de Galicia, na oficina de Santiago Turismo e nos distintos
establecementos participantes pódense conseguir, de balde, os tapasportes, os
documentos que acreditan a
visita aos diversos establecementos das cinco (é)tapas.