A Xunta aproba a norma reguladora dos furanchos


O presidente en funcións do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou a aprobación hoxe polo Consello da xunta da norma reguladora dos furanchos, un decreto que responde, dixo, a un triple obxectivo: “preservar unha tradición rural en Galicia, regular a súa actividade para evitar problemas de competencia desleal co sector da hostalería e protexer os dereitos dos consumidores”.

Na rolda de prensa posterior á reunión semanal do Executivo autonómico, Feijóo remarcou que este decreto é “o resumo de moitas horas de traballo, de moitas xuntanzas co sector dos furanchos e co sector da hostalería”, e reúne “os grandes puntos de acordo entre os dous sectores”. 

Trátase, engadiu, dun texto que dota “dunha normativa concreta aos establecementos tradicionais de Galicia que cómpre preservar porque forman parte da nosa idiosincrasia”, ao tempo que establece “un panorama máis claro sobre as condicións nas que se pode manter a actividade dos furanchos a todos os niveis”. A este respecto manifestou o seu agradecemento ao “traballo e achegas” do sector dos furancheiros durante a elaboración do decreto, e ao sector da da hostalería pola súa “flexibilidade”.