Galicia incrementou en setembro a ocupación extrahoteleira


O Instituto Nacional de Estadística fixo públicos hoxe os datos de ocupación extrahoteleira do mes de setembro para Galicia. Segundo estes datos, os establecementos extrahoteleiros galegos rexistraron no pasado mes de setembro un aumento na cifra de viaxeiros dun 7,5%, con 39.561 viaxeiros rexistrados. No tocante ás pernoitas, o aumento na cifra rexistrada no mesmo período de 2011 foi do 10,7%, con 115.106 pernoitas contabilizadas nos apartamentos turísticos, acampamentos e casas de turismo rural galegas. A estadía media neste tipo de aloxamentos tamén se incrementou a respecto de setembro de 2011 nun 3%.

A categoría que rexistrou un maior incremento a respecto dos datos recollidos no mesmo período do ano anterior foi a de apartamentos turísticos, onde o incremento na cifra de viaxeiros supera o 34% e o aumento na cifra de pernoitas rexistradas é do 32,8%. Pero tamén na categoría dos acampamentos se incrementaron os viaxeiros nun 5,4% e as pernoitas nun 7%. O turismo rural mantívose na cifra de viaxeiros nos valores rexistrados o pasado ano neste mesmo mes pero incremento un 1,7% a cifra de pernoitas contabilizadas.