Australia,
Canadá, Finlandia, Francia, Alemaña, Israel, Italia, Xapón, Líbano; Nepal,
Sudáfrica, España, Suíza, Turquía, Uganda, Reino Unido e Estados Unidos son os
países dos que proceden os relatores da II Edición da World Trail Conference
que por segundo ano consecutivo se celebra na illa coreana de Jeju. The Bruce
Trail, a ruta das Cinque Terre, a Lebanon Mountain Trail, a Rim of Africa Trail
ou a Ruta dos Apalaches son algunhas das rutas relixiosas, culturais ou deportivas
que acoden a este encontro no que España está representado polo Camiño de
Santiago a través da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo.
O xerente da
sociedade, José Paz Gestoso, pronunciou un relatorio na conferencia
internacional baseado no traballo do Xacobeo a prol da xestión, conservación,
posta en valor turística e promoción da Ruta Xacobea a nivel internacional. A
expansión da rede de albergues, o incremento da proxección internacional do
Camiño, a fórmula para contabilizar aos camiñantes ou as diferentes iniciativas
promocionais desenvolvidas pola S.A. de Xestión do Plan Xacobeo para a posta en
valor turística do Camiño de Santiago centraron o relatorio de Jose Paz.
O xerente do
Xacobeo tamén participou nun workshop no que intercambiaron experiencias sobre
a xestión e promoción das diferentes rutas, así como sobre os diversos xeitos
de aproveitar turisticamente a ruta e tamén como elemento de reequilibrio
territorial e de desenvolvemento económico do país no que se asenta.
O Camiño de
Santiago acadou nos últimos anos unha gran repercusión no país asiático,
especialmente a raíz das tres publicacións realizadas pola coreana Kim Hyo Sun sobre
a Ruta Xacobea, das que vendeu xa máis de 100.000 exemplares no seu país.