O xerente do Xacobeo, José Paz Gestoso e mais o
director comercial de Bebidas Gaseosas do Noroeste, S.A., José Picado
Carballeira realizaron esta mañá no lugar de Veche, en Abegondo, ao paso da
Ruta Xacobea a plantación da primeira das árbores autóctonas que ao longo do
día de hoxe realizarán traballadores voluntarios de Begano. Esta acción é
resultado dun acordo de colaboración a través do cal Begano se comprometeu á
plantación de árbores autóctonas no Camiño Inglés ao seu paso polo Concello de
Abegondo. O Xacobeo, pola súa parte, comprometeuse a xestionar os permisos de
plantación, tanto coa administración local como cos propietarios dos terreos
nos que se realizará a reforestación.
En virtude deste convenio, ao longo do día de hoxe traballadores
voluntarios da empresa procederán á plantación de castiñeiros, cerdeiras,
acivros, ameixeiras e abeleiras, entre outras especies autóctonas, ao longo dun
tramo do Camiño Inglés que percorre as parroquias de Limiñón, Meangos,
Vilacoba, Folgoso e Sarandós.