A conselleira do
Medio Rural e do Mar en funcións, Rosa Quintana, destacou a importancia de
innovar e investigar para garantir o éxito do sector transformador galego.
Díxoo no acto de entrega do certificado de calidade International Food Standard (IFS) á depuradora de moluscos de
Beluso, propiedade da Asociación de Produtores Mexilloeiros Cabo de Cruz (AMC).
A depuradora recibiu
este selo internacional polo seu protocolo de sistema de xestión en seguridade
alimentaria. O IFS, unha norma impulsada polas grandes compañías de distribución
de Alemaña e Francia, establece unha serie de requisitos para os sistemas de
calidade das empresas de alimentación e garante que todo o produto vai con
todos os controis para saír ao mercado. O proceso para lograr o certificado IFS
é supervisado por unha empresa auditora independente.