Portos de Galicia adaptará a estratexia de oferta das instalacións
náutico recreativas de titularidade autonómica para dar cabida a iates de
grandes dimensións. Esta liña de traballo será incorporada ao Plan Estratéxico
da Náutica Recreativa 2012-2020 que o ente público está a ultimar, logo de
recibir nos días pasados as alegacións ao documento base presentadas polos
colectivos de usuarios e sectores relacionados co ocio marítimo que mostraron a
súa vontade de participar no proceso.
O ente público que preside José Juan Durán vén de analizar todas as suxestións
presentadas para ser incorporadas ao documento que Portos de Galicia empregará
como folla de ruta do sector a curto e medio prazo. Administracións públicas,
institucións, empresas do sector e colectivos de usuarios colaboraron, a
petición do ente público, na presentación de propostas que veñen a mellorar
este documento que recolle a estratexia para optimizar a distribución de
recursos destinados á náutica recreativa.
Entre as alegacións presentadas, a Asociación de Clubes Náuticos de
Galicia (ASNAUGA) e a Asociación de Industriais da Metalurxia de Galicia
(ASIME) coinciden en resaltar a necesidade da adaptación dos portos galegos
para a recepción dos chamados megaiates, embarcacións náuticas de máis de 24
metros de eslora e 12 pasaxeiros. Conscientes do potencial económico deste
perfil de barco e visitante, Portos de Galicia decidiu apoiar a habilitación
espazos portuarios específicos para o atraque de grandes iates.