AGADER incrementa orzamento para apoio a investimentos no rural


A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER) incrementará o vindeiro ano os seus orzamentos destinados a apoiar proxectos de investimentos no rural preto dun 25% pasando de 39,7 a 49,4 millóns de euros, segundo asegurou a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa  Quintana.

O ano 2013 suporá un reforzo notable das políticas de desenvolvemento rural de Galicia, e  con tal motivo o orzamento de AGADER elévase en todos os capítulos e programas destinados a este fin cunha achega total de 49,4 millóns de euros. O orzamento global da axencia aumenta en máis de 9,7 millóns de euros respecto do exercicio anterior.

Só no programa de elaboración de plans, estudos e novos proxectos de desenvolvemento rural –os chamados proxectos dinamizadores–, pásase de 13,2 a 18,6 millóns de euros cun aumento de 5,4 millóns (41%).

Este incremento vai parello á aposta que fai a Consellería nos orzamentos deste ano para a mellora da competitividade dos sectores produtivos agrogandeiros, especialmente do lácteo, onde se incrementan as axudas para plans de mellora das explotacións e especialmente a incorporación de mozos (esta última pasa de 7 a 8,7 millóns de euros).