Convocado o concurso de carteis para a Feira do Viño do Ribeiro

O Consello Regulador colabora co Concello de Ribadavia na organización da Feira do Viño do Ribeiro. Como primeira actividade desta edición, convócase o Concurso de Carteis que ilustrará o cincuenta aniversario desta cita, declarada de interese turístico. A convocatoria do concurso está dirixida a creativos e artistas de calquera nacionalidade, que deberán presentar obras inéditas orientadas á exaltación do viño do Ribeiro.

O prazo para presentar os orixinais (formato físico ou dixital) remata o vindeiro 12 de marzo, estando previsto o fallo do xurado e presentación da obra gañadora para o día 22 de marzo. Concederase un premio de 1.500€ ao cartel gañador, e de 250€ a cada un dos dous accésits que outorgará o xurado. Este xurado estará composto por profesionais do mundo da arte e do deseño, estando ademais representados os organizadores: o Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro e o Concello de Ribadavia.
          
Todas as obras presentadas a concurso formarán parte dunha mostra que se inaugurará en Ribadavia coincidindo coas datas de celebración da feira.