Turismo colabora coa Feira do Cocido de Lalín


A Secretaría Xeral para o Turismo colabora coa corenta e cinco edición da Feira do Cocido de Lalín cuxo día grande se celebra o vindeiro domingo día 3 de febreiro. A secretaria xeral para o Turismo, Nava Castro, afirmou na súa presentación que a Feira do Cocido supuxo un gran salto cara a internacionalización dun xeodestino cheo de potentes reclamos turísticos como é Deza-Tabeirós. Turismo de Galicia colabora nesta XLV edición da cita gastronómica que está previsto que conte coa asistencia dunhas vinte mil persoas e que conta dende o pasado Ano Santo 2010 coa declaración de Festa de Interese Turístico Nacional.

 Turismo de Galicia colabora así mesmo coa celebración da Gala da Gastronomía e coa XIX edición dos Premios Álvaro Cunqueiro que forman parte dos eventos culturais organizados con motivo da feira. Os premios de Gastronomía de Galicia outórganse aos profesionais que se distinguen pola potenciación da cociña galega, tanto en Galicia como fóra da comunidade; tamén se premia á empresa que máis teña contribuído á promoción dos produtos gastronómicos galegos; así como á entidade que máis traballou a prol de difundir os valores da gastronomía de Galicia e un premio que recoñece a labor de toda unha vida dedicada á cociña galega.