Presentación del curso |
A Universidade de Santiago comeza este mes de marzo un novo e orixinal
proxecto de gastronomía pedagóxica dirixido a toda a cidadanía co que se
pretende ensinar a cociñar á vez que achegar unha cultura de hábitos de consumo
saudables e aumentar o coñecemento do medio e dos produtos.
O programa contempla ‘Aulas activas de cociña’ a desenvolver en distintas
datas ata final de curso con variadas temáticas centradas en produtos
concretos. As clases, cun formato
divertido e con prácticas individualizadas, terán lugar no comedor do Colexio
de Fonseca.
O primeiro en pórse en marcha é un curso continuo, todos os martes entre o
5 de marzo e o 25 de xuño, no que se achegarán as técnicas básicas de cociña,
se coñecerán os principios da Dieta Atlántica, se profundará en menús de autor
e nas cociñas do mundo e se executarán pratos de cociña actual, miúda e
repostería.
Ademais están previstos outros seis cursos monográficos. O 6, 13 e 20 de
marzo o arroz será o protagonista, mentres que os días 3 e 10 de abril terá
lugar o curso de cociña para novatos no que se ensinará a elaborar pratos de
“supervivencia”. En abril terá lugar un de cociña con pasta.
Maio comezará cun curso de dous días sobre cociña con produtos do mar,
fundamentalmente peixe, e continuará con outro de froitas e hortalizas. O
programa rematará cun curso de cata de viños tintos a desenvolver os días 5,
12, 19 e 26 de xuño.
Para conseguir toda
a información sobre os cursos e formalizar a matrícula, as persoas interesadas
deben dirixirse á Área de Cultura da Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e
Formación Continua, no Colexio de San Xerome, ou chamar aos teléfonos 88181018
e 881811103.