Venres e Sábado Santo con camelias en Santiago


Turismo de Galicia organizaa a mostra sobre a Camelia que se poderá admirar este Venres Santo e o Sábado Santo, no Pazo de Fonseca. Trátase dun proxecto expositivo organizado en colaboración coa Sociedad Española de la Camelia, a Universidade de Santiago de Compostela e o Concello de Santiago, e que ten por obxecto poñer en valor a flor emblemática de Galicia como produto turístico. 

Segundo explicou Nava Castro, trátase da segunda edición da Exposición ‘Camelia, flor de Galicia’, que permitirá aos visitantes que se acheguen, dende o venres 29 (á unha da tarde) ata o sábado 30 de marzo (ás nove da noite), polo Pazo de Fonseca contemplar máis de 200 variedades de camelia das mellores coleccións privadas de Galicia.

“Trátase dun espectáculo de beleza e cor difícil de ver noutros lugares de Europa e contará con especies de 25 coleccións privadas cultivadas polos amantes desta flor e que só se poden contemplar en ocasións coma esta”, dixo Nava Castro; logo de lembrar que, en Galicia celébranse anualmente un importante número de exposicións de camelia, sendo esta un caso excepcional por ter lugar en Santiago, en plena Semana Santa e no incomparable claustro do Pazo de Fonseca, ao carón da catedral, “a meta de todos os camiños”.