A Consellería do Medio Rural e do Mar impulsa
a promoción dos produtos vinícolas nos mercados de países terceiros. O Diario Oficial
de Galicia publica hoxe unha liña de axudas para aumentar a información sobre
os viños galegos mediante diversos programas e actividades de promoción. A
dotación orzamentaria desta liña de axudas é de 1,5 millóns de euros,
financiados polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga), que se poderán ver
incrementados en función do volume de peticións.
Poderán acollerse ao financiamento destas
medidas de promoción as empresas vinícolas; os consellos reguladores; as
organizacións de produtores e organizacións interprofesionais; as asociacións
de exportadores e consorcios de exportación; así como os órganos de xestión e
de representación das indicacións xeográficas vitivinícolas e as entidades
asociativas sen ánimo de lucro participadas por empresas do sector.
Para poder recibir as axudas as accións deben
centrarse na promoción de produtos de calidade, que conten con posibilidades de
exportación ou de novas saídas comerciais en países terceiros e pertenzan a
viños con denominación de orixe protexida, viños con indicación xeográfica
protexida ou viños nos que se indique a variedade de uva de vinificación.
O prazo de presentación de solicitudes é ata o
vindeiro 15 de maio. Estes programas poderán ter unha duración máxima de tres
anos por beneficiario e país, podendo ser este tempo prorrogado por un período
máximo de dous anos.