O Instituto Nacional de Estadística fixo
públicos hoxe os datos de ocupación en establecementos de aloxamento regrado de
Galicia. Segundo esta enquisa, a demanda turística no conxunto dos
establecementos regrados galegos –hoteis, pensións, apartamentos turísticos,
casas de turismo rural e acampamentos- medrou neste mes de marzo un 15,8% no
tocante á cifra de viaxeiros recibidos e un 15,4% no relativo ás pernoitas.
A cifra de pernoitas nos establecementos
extrahoteleiros galegos –casas de turismo rural, apartamentos turísticos e
acampamentos- medrou neste mes de marzo un 49,3% a respecto do mesmo mes de
2012. Do mesmo xeito, produciuse unha suba na cifra de viaxeiros aloxados neste
tipo de establecementos do 18,7%. A suba máis relevante deuse na cifra de
viaxeiros aloxados nos establecementos de turismo rural, cun 25,7% máis de
viaxeiros recibidos que en marzo de 2012. A suba dos viaxeiros nos apartamentos
turísticos foi do 5,3% e nos acampamentos foi do 16%.
Se se teñen en conta os datos do primeiro
trimestre, a cifra de viaxeiros recibidos entre xaneiro e marzo de 2013 nos establecementos
extrahoteleiros galegos supera nun 9,1% aos recibidos no mesmo período de 2012
e a cifra de pernoitas é un 21,5% maior. No conxunto do aloxamento regrado,
contabilizando tamén hoteis e pensións, a suba a respecto do primeiro trimestre
do ano pasado é do 2,2% en viaxeiros e do 4,1% en pernoitas.