
Os pementos amparados pola indicación xeográfica protexida (I.X.P.)
Pemento de Mougán son os froitos da especie Capsicum
annuum,L., sendo a súa área de produción a constituída pola totalidade do
municipio de Guntín en Lugo. Precisamente o nome da denominación, "Mougán",
é un nome xeográfico que se corresponde coa parroquia do concello de Guntín,
dende onde partían no transporte público os pementos destinados ao mercado da
capital.
O Pemento de Mougán ten un froito semicartilaxinoso, de cor verde en
estado de inmadurez e vermello en estado maduro. O froito é cadrado cun peso
que oscila entre os 6 e 15 gramos por unidade. A súa carne é de textura fina e
substanciosa, de sabor doce, lixeiramente herbáceo e, ás veces, picante.