“Apostar polo turismo mariñeiro é apostar polo
desenvolvemento sostible, pois dáse satisfacción ás necesidades das xeracións
presentes sen comprometer as posibilidades das futuras”. Así o afirmou hoxe a
conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, na presentación de “Cómete
o Mar”, a primeira oferta conxunta de gastronomía e turismo mariñeiro da costa
galega.
A conselleira destacou a suma de esforzos que
fixo posible poñer en marcha este programa e salientou as súas bondades. Entre
elas, os beneficios transversais que presenta para o sector do mar; o
incremento do grao de coñecemento sobre a vida no litoral; a axuda que supón
para unha mellor percepción da cultura das comunidades mariñeiras ou a
potenciación da valoración que teñen os produtos pesqueiros. Como resumo, Rosa
Quintana dixo que estas actividades de turismo mariñeiro supoñen unha mellor
integración social e económica do sector.
Neste sentido, a titular de Medio Rural e Mar
engadiu que esta iniciativa concorda cun dos piares da política da Consellería,
que non é outro que promocionar, fomentar e poñer en valor a gran variedade de
recursos relacionados coa pesca e co turismo en toda a nosa Comunidade.
A conselleira apostou polo futuro das nosas
zonas costeiras e amosouse a prol de que ese futuro veña acompañado de máis e
mellor emprego. Por iso, advertiu, a Xunta traballa na dobre vía de dinamizar e
diversificar as estruturas socioeconómicas das áreas ribeiráns, cunha achega de
4,6 millóns de euros a través dos GACs, e de alentar, por outra banda, a
capacitación como fórmula de conseguir un emprego de calidade que permita que
as estruturas tradicionais pervivan.