A Conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa
Quintana, reiterou no Parlamento o compromiso formal da Xunta de desenvolver as
xestións necesarias para garantir os postos de traballo en Conservas Cuca, así
como a continuidade da imaxe e da calidade da marca desta conserveira.
Neste sentido, manifestou o “respecto total e
absoluto á decisión xudicial sobre o ERE promovido por Garavilla”. Así, lembrou as xestións levadas a cabo polo Goberno galego,
no marco dunha acción coordinada entre as consellerías de Traballo, Economía e
do Medio Rural e do Mar e os axentes implicados no proceso.
Rosa Quintana explicou que o seu
departamento realizou unha consulta á Comisión Europea para analizar as
cláusulas das axudas concedidas e se existía a posibilidade de vinculalas á permanencia
da actividade na actual localización. Pola súa parte a Comisión Europea
respondeu, tal e como indicou a propia conselleira, que o traslado da actividade produtiva se considera unha modificación
fundamental e que nese caso o importe da axuda deberá ser devolto.
Por outro lado
a conselleira lembrou que se levan investidos máis de 188 millóns de euros na
mellora da competitividade do sector conserveiro dende 2009. Isto pon de
manifesto, segundo dixo a conselleira, o apoio prestado pola Xunta a este eido
produtivo, non só dende o punto de vista administrativo e institucional, senón
tamén orzamentario.