Turismo de
Galicia convoca por primeira vez axudas
para os concellos declarados Municipios Turísticos orientadas a colaborar na
contratación de persoal nas oficinas de turismo. Deste xeito, dáse cumprimento
á Lei 7/2011, de 27 de outubro do Turismo de Galicia, que no seu artigo 29,
determina que os municipios turísticos deben ser obxecto de atención preferente
nas liñas e medidas de fomento económico establecidas pola Administración da
Xunta de Galicia.
Co obxectivo
de manter a calidade no servizo de información turística que se presta nos
municipios coa devandita declaración, estimulase a contratación de persoal de
xeito que se potencie a imaxe tanto dos Municipios Turísticos de Galicia como
de toda a comunidade no exterior.
O orzamento
destinado a esta orde de axudas é de 350.000 euros, cun máximo de 8.000 euros
por entidade beneficiaria. Os requisitos do persoal contratado serán estar en
posesión do título de Técnico Superior en Información e Comercialización
Turística ou Técnico Superior en Guía, Información e Asistencia Turística;
Técnico en Empresas e Actividades Turísticas ou Grao ou Diplomatura en Turismo
ou equivalente homologado.
Do mesmo
xeito, será requisito indispensable que o concello conte coa declaración de
Municipio Turístico galego regulada no Decreto 39/2001, do 1 de febreiro, de
refundición en materia do Consello Galego de Turismo, declaración de Municipio
Turístico galego e declaración de Festas de Interese Turístico.
A forma de
presentación de solicitudes será por medios electrónicos a través do formulario
normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. O prazo de
presentacións permanece aberto ata o 30 de agosto de 2013.
Na
actualidade, un total de 42 concellos galegos contan coa declaración de
Municipio Turístico, 12 deles están na Coruña; 10 en Lugo; 9 en Ourense e 11 en
Pontevedra.