A directora
de Turismo de Galicia, Nava Castro, foi a encargada de clausurar hoxe a
Asemblea 2013 da Asociación de Balnearios de Galicia, que agrupa a 19
establecementos termais da comunidade. A asemblea tivo lugar nas instalacións
do Balneario de Lugo e previamente ao acto de clausura a directora de Turismo
realizou unha visita aos traballos que se están desenvolvendo no balneario
acompañada pola súa xerente, Martina Gandoi e mais polo arquitecto que dirixe
as obras, Mario Crecente.
Xa no acto
de clausura do encontro, a directora de Turismo explicou que Galicia como
destino turístico non se pode desvincular da súa relación coa auga
especialmente no tocante ao sector termal. Destacou que a comunidade galega
conta cunha riqueza espectacular “que nos sitúa nos primeiros postos do Estado
no tocante, tanto a cantidade, variedade e características dos nosos recursos termais
endóxenos como á calidade e cantidade da nosa oferta termal, de turismo de
saúde e aloxativa”.
Tamén
incidiu na aposta de Turismo de Galicia polo termalismo que, segundo dixo, obedece
en primeiro lugar ao seu potencial como factor de requilibrio territorial, e
doutra parte, á súa capacidade como elemento desestacionalizador e
diferenciador da oferta turística. Nava Castro explicou que o feito de contar
en Galicia co 20% do conxunto das instalacións existentes en España colócanos
en posición de apostar por un sector que xera un volume de negocio de 60
millóns de euros e conta con 1.400 empregos directos.
“Galicia é a
Comunidade Autónoma do Estado que máis aposta polo Turismo e a aposta polo
turismo de saúde é fundamental para lograr a diferenciación e que Galicia se
caracterice no que a turismo se refire pola sostenibilidade, a calidade e a aposta
por sectores capaces de incrementar os seus fluxos e de xerar un maior volume
de negocio”, comentou durante a clausura.