A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro,
e mais o Presidente da Asociación de Municipios para o Plan de Competitividade
Turística das Comarcas de Monterrei e Conso-Frieiras, Juan Manuel Jiménez
Morán, así como os alcaldes e tenente de alcalde dos concellos de Riós, A
Gudiña, A Mezquita, Vilariño de Conso e Viana do Bolo, asinaron hoxe un convenio
de colaboración para a xestión e promoción do Centro Bicicleta Todo Terreo de
Portas de Galicia.
Segundo explicou a directora de Turismo, a
formalización deste convenio supón un novo pulo para a dinamización turística
destas terras mediante o fomento de actividades de turismo activo. Nava Castro
incidiu en que o turismo activo, e concretamente os Centros BTT, abren un mundo
de posibilidades que converten ao turista no actor principal da súa propia viaxe,
interrelacionándoo co medio no que practica a actividade.
O centro BTT é un produto turístico destinado
a promocionar a práctica da bicicleta de montaña. Con eles procurase un lecer ligado
ao contacto co medio rural, non agresivo coa natureza e que permite a súa vez
unha práctica deportiva.