Rosa Quintana destaca a importancia do patrimonio mariñeiro

A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, destacou a importancia do patrimonio marítimo que crea oportunidades de desenvolvemento económico e fomenta o turismo mariñeiro. Fíxoo en Vigo, na clausura do Foro PROAMARE: A rede vital do mar. Rosa Quintana trasladou o apoio do seu departamento a este tipo de iniciativas que fomentan a dinamización turística e a valorización do patrimonio marítimo.

A titular de Medio Rural e Mar explicou que as iniciativas de cooperación entre Galicia e o Norte de Portugal caracterízanse pola aplicación de estratexias e programas de desenvolvemento transfronteirizo conxuntos, entre as que destaca a valorización, promoción e conservación de recursos comúns. Deste xeito, animou a “traballar todos xuntos de forma coordinada na promoción e difusión da nosa cultura e tradición e na consecución da sustentabilidade económica, social e ambiental”.


Neste sentido, recalcou que este tipo de accións incrementan o grao de coñecemento sobre a vida do mar, axudan a ter unha mellor percepción da cultura das comunidades mariñeiras, potencian a valoración dos produtos pesqueiros e inciden na mellor conservación do patrimonio mariñeiro, o que supón unha mellor integración social e económica do sector.