O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar presenta este venres 28 de
xuño unha ruta marítima entre Vigo e Viana do Castelo deseñada no marco do
proxecto europeo Proamare, cuxa finalidade é a recuperación do patrimonio marítimo
e a súa posta en valor como reclamo turístico.
Durante esta xornada, que dará comezo ás 10:00 horas na sede da
Fundación Cetmar en Bouzas, os asistentes poderán coñecer de primeira man as
características desta ruta e participar nunha viaxe piloto a bordo da goleta
Nieves, que cubrirá unha parte do traxecto entre Vigo e Baiona.
Antes de embarcar no peirao de Bouzas, os asistentes desprazaranse ao
Museo do Mar de Galicia en Alcabre para asistir a un relatorio sobre o proxecto
Proamare e a unha ruta guiada polas instalacións do centro. A continuación os
asistentes volverán a Bouzas onde embarcarán na goleta Nieves que partirá ás
12:00 horas cara Baiona. A chegada a esta vila está prevista arredor das 14:15
horas, cando terá lugar o regreso a Vigo en autobús.