A Consellería do Medio Rural e do Mar, en
colaboración cos consellos reguladores dos viños e augardentes da nosa
Comunidade, organizou o “Túnel do viño das Catas de Galicia 2013”, que terá
lugar o vindeiro xoves, día 27 de xuño, no Hostal dos Reis Católicos de
Santiago.
Este evento, aberto ao público en xeral,
celébrase con motivo do 25º aniversario das catas dos viños de Galicia e
permitirá aos expertos e os afeccionados en xeral dispoñer, para a súa cata, duns
200 caldos das diferentes denominacións de orixe de Galicia, que participaron
no concurso deste ano. Entre estas mostras de cata –que participaron hai uns
días na edición de 2013– estarán os gañadores do certame, que se coñecerán na
entrega de premios prevista para o vindeiro día 2 de xullo.
Trátase dunha iniciativa sen precedentes en
Galicia, xa que nunca se deron cita nun único lugar e día semellante número de
viños, augardentes e licores para seren catados por especialistas e público en
xeral. Isto permitirá achegarse a marcas de adegas cun pequeno volume de
produción, que é difícil atopar mesmo en viñotecas e tendas especializadas e
que non adoitan estar presentes noutros certames sectoriais, pola súa reducida
dimensión.
Cada participante recibirá unha copa ao inicio
do percorrido, coa que el mesmo se poderá servir os viños que desexe catar.
Cada caldo estará identificado por unha pequena ficha, que os asistentes
poderán consultar mentres avanzan polo túnel. Unha vez catado un viño, poderán
aclarar a copa con auga e terán tamén ao seu dispor pequenas pezas de pan, para
refrescar o padal antes dunha nova cata.