Xamón na Cañiza, Pan en Neda e Naufraxio en Laxe, festas de interés turístico

O Consello da Xunta aprobou hoxe a declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia para a Feira do Xamón da Cañiza. A Feira do Xamón da Cañiza celébrase o día 15 de agosto nese concello pontevedrés e desenvólvese hai 47 anos nunha zona que conserva elementos enxebres como pallozas de colmo, alpendres de casqueiros, carros típicos e cabezudos centenarios que forman parte da celebración gastronómica e achegan aspectos tradicionais e culturais.

A 47 edición desta celebración terá lugar na Carballeira do Cacharado do concello da Cañiza e incluirá a degustación do produto elaborado en diferentes preparacións, así como desfiles ou eventos deportivos.

Ademais da Feira do Xamón da Cañiza, o Consello da Xunta aprobou outras dúas declaracións para festas de Interese Turístico de Galicia, a da Festa do Pan de Neda e a do Simulacro do Naufraxio de Laxe.

A festa do Pna de Neda adoita celebrarse o primeiro domingo de setembro e entre os criterios de
valoración da mesma figura o importante arraigamento, o feito de difundir unha actividade artesanal de facer pan e tamén que se promova un produto galego rexistrado como marca.

A Festa do Simulacro do Naufraxio de Laxe celébrase o 17 de agosto desde 1962. Con este recoñecemento outórgaselle unha maior difusión como atractivo turístico na Costa da Morte. 

Con estas novas declaracións, a comunidade galega conta xa con 90 Festas de Interese Turístico de Galicia, ás que hai que engadir as 13 Festas coa declaración de Interese Turístico Nacional e as 6 co distintivo de Festa de Interese Turístico Internacional.