Turismo de Galicia busca cruceristas en Miami

Turismo de Galicia participa esta semana nas xornadas de promoción de Turismo de cruceiros organizadas pola Oficina de Turismo de España en Miami (EE.UU) ao obxecto de dar a coñecer as posibilidades coas que conta a Comunidade galega para esta modalidade turística. Estará presente nun encontro cos 100 operadores turísticos máis importantes dos Estados Unidos de América e Canadá.

Esta mesma mañá, Turismo de Galicia forma parte dunha xuntanza de traballo con 81 compradores de viaxes que se celebra no Hotel Marriot de Miami. Nesta xuntanza, Turismo de Galicia poderá individualizar a súa oferta e mostrar todas as posibilidades de Galicia no ámbito deste produto turístico.

Galicia rexistrou en 2012 algo máis de 46.000 viaxeiros dos Estados Unidos de América que se aloxaron en establecementos regrados da Comunidade galega –hoteis, pensións, apartamentos turísticos, cámpings e Turismo Rural-.


Os Estados Unidos de América supuxo o 5,6% do total do turismo internacional en Galicia, rexistrando, en relación a 2011, un incremento do 34,2% no número de turistas. En termos globais, os EE.UU, constitúen o sexto mercado turístico internacional de Galicia e o primeiro non europeo.