A Comisión de valoración acordou propoñer á
Dirección de Turismo de Galicia, a concesión de axudas a 10 proxectos
presentados á Resolución pola que se establecen as bases reguladoras para a
concesión en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a axencias de
viaxe para a promoción e comercialización do destino Galicia publicada no
Diario Oficial de Galicia o 13 de maio do 2013.
Ao abeiro desta resolución presentáronse
solicitudes de axudas para distintos proxectos de promoción e comercialización
de paquetes turísticos que permiten ás axencias de viaxe da nosa comunidade dar
a coñecer a variada e numerosa oferta turística existente no noso territorio e
polo tanto expandir a comercialización e difusión da oferta turística de
Galicia en todos os ámbitos.
O importe total outorgado na concesión de
axudas é de 124.833,2 euros e as porcentaxes de subvención oscilan entre o 25%
e o 40% do orzamento presentado dependendo das puntuacións acadadas por cada
proxecto segundo os criterios de valoración.
O obxectivo destas axudas é mellorar o
posicionamento e diversificación da oferta turística de Galicia coa consolidación
dos produtos turísticos clave para ser competitivos no ámbito turístico
nacional e internacional, así coma na creación de novos produtos que
posibiliten unha vantaxe competitiva e permitan desestacionalizar a demanda
turística.