Axudas para incentivar o turismo

A Comisión de valoración acordou propoñer á Dirección de Turismo de Galicia, a concesión de axudas a 23 proxectos presentados á Resolución pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a entidades privadas para incentivar o turismo mediante a dotación de equipamento para empresas de servizos turísticos complementarios na Comunidade Autónoma de Galicia publicada no Diario Oficial de Galicia o 13 de maio do 2013.

Todos os proxectos refírense a actividades de turismo activo ou deportivo na que Galicia ten un gran potencial ao posuír as condicións idóneas para a práctica destas. Entre os proxectos máis destacados están os referidos as actividades náuticas como son o surf, kitesurf, windsurf, paddle board, vela e kaiak entre outras, aínda que tamén son destacables as referidas a outras actividades como o cicloturismo, rafting, golf e equitación.

O importe total da concesión de axudas é de 140.566,57 euros e as porcentaxes de subvención oscilan entre o 25% e o 40% dependendo das puntuacións acadadas por cada proxecto segundo os criterios de valoración descritos no artigo 9 do anexo I da Resolución.

O obxectivo destas axudas é estimular a modernización das infraestruturas a través da dotación e renovación de equipamentos para contribuír á mellora da calidade das empresas de servizos turísticos complementarios e en consecuencia, ao impulso da actividade turística en xeral.